Reunión Ordinaria Xunta de Confrarías - Preparación Semana Santa 2017

A Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo reuniuse o día 6 de marzo para organizar os actos da próxima Semana Santa 2017.

O pregón será o próximo 31 de marzo, ás 20,30 horas, na igrexa de Santiago A Nova. Como pórtico musical intervirá o Orfeón Lucense e a persoa encargada do pregón será Pilar Falcón Osorio, lucense da Pastoriza , doutora en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, onde foi docente. Ten formación en Marketing, Publicidade e Relacións Públicas. Membro fundador da TVG e da emisora Onda Madrid, publicou os libros Fraga y Galicia, El Imperio Rosa e contos infantís. Membro da Academia das Ciencias e as Artes de Televisión, entre outras asociacións. 

A Xunta de Confrarías, en colaboración coa Delegación Diocesana de Misións, organiza o XV CICLO DE CONFERENCIAS “OCCIDENTE ANTE O SÉCULO XXI”, no que intervirán o misioneiro xaveriano P. Carlos Collantes Díaz (“Igrexa e acollida de emigrantes. Algunhas experiencias”), o consiliario de Xustiza e Paz de Madrid, P. Ignacio María Fernández de Torres (“Unha mirada cristiá á cultura do descarte”) e o aventureiro solidario, Telmo Aldaz de la Quadra-Salcedo (“Doce anos polas terras irmás de África”) intervirán ás 20h os días 17 , 22 e 28 de marzo, respectivamente, no salón de actos da Fundación Abanca o 1º día e no salón de actos da Deputación os dous últimos.

En canto ao cartel, de novo este ano foi encargado a Eduardo Ochoa, fotógrafo artístico que desde fai anos colabora desinteresadamente neste aspecto.

No que respecta a procesións, non se prevén cambios significativos. Este ano sairá a procesión da Virxe da Soidade, As Caladiñas, suspendida o pasado ano por danos graves na imaxe titular da Virxe, ao realizar obras na Capela da Soidade, onde se venera.  O Vía Crucis celebrarase como todos estes anos, o Venres de Dores (7 de abril) e estará dedicado á familia.

Theme provided by Danetsoft under GPL license from Danang Probo Sayekti