Pregón, Manuel Sureda González

Año del pregón: 
2005

Manuel Sureda González

Semana Santa, Lugo 2005

 

Excmo. Sr. Frei Xosé Gómez, Bispo da nosa diocese, Sr. Presidente da Xunta de Confrarías, autoridades e amigos lugueses todos. Debo confesar que despois de recibi-la cordial invitación da Xunta de Confrarías, ocorréuseme olla-lo elenco dos meus predecesores. A súa vista fíxome considera-la responsabilidade que aceptara, mais de seguida concluín que entre tanta xente ilustre non desentoaba, de cando en vez, poñer algún da canteira. A miña vinculación externa coa celebración da Semana Santa luguesa foi moi sinxela. Hai anos comecei como membro do pobo xudeu. Pouco despois alisteime no exército hebreo e de alí pasei ó exército romano. Non coidaba entón que aquela sería toda a miña experiencia militar, pois, anos máis tarde, saín excedente de cupo no exército español.

 

Atopámonos xa ás portas da Semana Santa, no Lugo do ano 2005 da era cristiá. Os católicos “cremos e confesamos que Xesús de Nazaret, nado xudeu dunha filla de Israel, en Belén, no tempo do rei Herodes o Grande e do emperador César Augusto; de oficio carpinteiro, morto na cruz en Xerusalén, baixo o procurador Poncio Pilato, durante o reinado do emperador Tiberio, é o Fillo eterno de Deus feito home, que saíra de Deus (Xn 13, 3), baixou do ceo (Xn 3, 13; 6, 33), veu en carne (1 Xn 4, 2), porque «a Palabra fíxose carne, e plantou entre nós a súa tenda, e nós vímo-la súa gloria, gloria coma de Unixénito que ven do Pai, cheo de graza e de verdade... E da súa abundancia recibimos todos nós graza e máis graza» (Xn 1, 14. 16).

Este axeitado resumo da vida de Xesús, exposto no punto 423 do Catecismo da Igrexa Católica1, pode servir para intuí-la grandeza dos acontecementos que nos dispoñemos a celebrar. Do mesmo xeito ca Cruz, tamén estes acontecementos teñen unha horizontalidade que abrangue a historia dos homes e unha dimensión vertical que ergue esa historia ata a eternidade. E na intersección está o Deus feito home, o noso Xesús.

1/ Catecismo de la Iglesia Católica. Asociación de Editores del Catecismo. Madrid 1992.# 423.

Deus Pai quixo para o seu Fillo unha Humanidade completa, no seo da Sagrada Familia, con referencia paterna e materna. San Xosé e Nosa Señora foron o seu agarimo no senso global do termo: quixérono, acollérono, protexérono e educárono. San Xosé coñecería dalgún xeito os acontecementos da Paixón. A Escritura, madurecida no seu corazón pola meditación e a praxe, e integrada na unidade de vida, faríalle barrunta-la entrega de Xesús, que aceptaría coma un novo Abraham en louvanza a Deus. Nosa Señora viu, máis aínda, viviu, a morte infame do Inocente convertida en espectáculo público, coma se tratarse fora da festa dunha vila2. A carón deles, poderemos decatarmos e aproveitarmos da profundidade do padecemento, do Amor e da saúde que alí se nos manifesta.

2/ Cfr. F. Suárez. Después de esta vida, 5ª ed. Ed. Rialp. Madrid 1997. Páx. 217.

O Vía Crucis na Muralla, feliz iniciativa da Xunta de Confrarías, a meditación dos misterios dolorosos do Santo Rosario e outras devocións, esculpidas ó longo dos séculos polo agarimo dos fieis, poñen a nosa alma no camiño do Gólgota. Este camiño nace coa Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén. No limiar da Semana Santa luguesa acóllenos a Nosa Señora da Esperanza, para levarnos, nos vindeiros días, á procura do derradeiro significado daquela Cruz que se ergue fora das portas de Xerusalén. Atoparémo-lo Bo Xesús e mailo Nazareno; máis adiante ó Santo Cristo do Perdón e a Nosa Señora da Piedade; a Santa Cea, o Desencravo do Señor e as Meirandes Dores de María Santísima; o Santo Enterro e a Nosa Señora da Soidade na compaña das súas Caladiñas.

 

 

A percepción inconsciente da Semana Santa é a dunha lembranza dolorosa. Mais, na realidade é un rosario de ledicias: celébrase o regalo do Perdón, da Eucaristía e a consumación da Redención. San Xosemaría Escrivá deixou escrito que a alegría ten as súas raíces en forma de cruz3. Eu coido que da esperanza podemos dici-lo mesmo. Xoán Paulo II fixo por vez primeira en Santiago, no ano 1982, un canto á Europa que fora berce da civilización e ó mesmo tempo unha chamada para que ela sexa conciencia do mundo actual4. No ano 1999 celebrouse a asemblea especial para Europa do Sínodo dos Bispos, cun cardeal galego como relator, Bispo de Santiago durante a primeira visita do Santo Padre. Na exhortación apostólica post-sinodal Ecclesia in Europa sae o concepto “esperanza” 150 veces, case que as mesmas que Europa (152)5. ¿Cal é o motivo de tanta insistencia na esperanza na nosa Europa? ¿Por qué esa teima neste momento histórico? ¿Que pode ofrecernos a todos neste eido a Semana Santa en xeral e a do Lugo no 2005 en concreto?.

3 Cfr. S. Xosemaría Escrivá. “En el taller de José”, en Es Cristo que pasa, 25ª ed. Ed. Rialp. Madrid 1988
4/ Cfr. Xoán Paulo II. “La renovación espiritual y humana de Europa. Discurso en la Catedral de Santiago de Compostela, 9 de Noviembre de 1982” en Juan Pablo II en España. Ed. BAC. Madrid 1982.
5/ Cfr. Xoán Paulo II. Exhortación apostólica postsinodal ECCLESIA IN EUROPA. Roma 2003.

Descartes buscou a verdade seguindo o esquema da dúbida metódica e chegou a dubidar de todo menos de que dubidaba. Hoxe en día moitos dos nosos contemporáneos buscan a liberdade fuxindo de xeito patolóxico de todo o que signifique compromiso. No caso extremo, hai xente que só ten o compromiso de desfacer compromisos. ¿Que quere dicir entón solidariedade? O cambio constante non chega á raíz dos problemas que pretende resolver. Quédase nunha solución aparente cara ós outros e nunha satisfacción momentánea e superficial, egoísta, non altruísta, xa que ninguén pode da-lo que non ten.

 

Falando da vocación de Abraham, o Santo Padre di que a esperanza é a vertente do futuro na que recae “...o misterio da soleira que cada un de nós ten que atravesar, impulsado pola chamada mesma e sostido por unha fe que non se arreda ante nada, porque sabe de quen se fiou (2 Tm 1, 12). Cando chegou a súa hora, díxolle ós seus benqueridos Pedro, Santiago e Xoán: ¡Veña!, erguédevos e vaiámonos! (Mc 14, 42). Non era el só quen debía ir polo camiño do cumprimento da vontade do Pai, senón tamén eles con El”6.

 

Xesús na Cruz cumpre a Alianza plenamente. No meirande dos compromisos, Deus fíxose carne en Xesús. Dende a concepción, intre no que atendendo á ciencia biolóxica o ser da especie xa é individuo e as liñas mestras de todo o seu desenvolvemento quedan definidas, Xesús posúe a natureza humana deica a súa morte e aínda despois dela. Toda a súa existencia na terra foi preparación para ofrenda-la súa vida no Calvario, na primeira Misa. Comendo, bebendo e respirando na terra dirixíase, ata no eido físico, á Eucaristía. Nun senso máis extenso, toda a súa actividade humana, na unidade da Persoa, ía levedando ó longo do seu camiñar terreo para ser ofrendada na ara da Santa Cruz. Dende entón cómpre ofrecelo todo, xa que “...todo colabora para ben dos que aman a Deus,...” (Rm 8, 28).

6/ Xoán Paulo II. ¡Levántaos! ¡Vamos!. Ed. Plaza Janés. Barcelona 2004. Páx. 178-181.

O ano 2005 foi elixido por Xoán Paulo II para honra-la Eucaristía. Tralo regalo de Deus ó home, o Santo Padre sinala o camiño para aproveitalo da forma axeitada: “A Eucaristía é un xeito de ser que pasa de Xesús ó cristián e, polo seu testemuño, tende a irradiarse na sociedade e mais na cultura. Para atinxilo, é preciso que cada un dos fieis asimile, na meditación persoal e comunitaria, os valores que a Eucaristía expresa, as actitudes que inspira, os propósitos de vida que suscita. ¿Por que non ver nisto a consigna especial que podería xurdir do Ano da Eucaristía?”7.

7/ Xoán Paulo II. Carta apostólica MANE NOBISCUM DOMINE. Roma 2004. # 25.

 

Ó Santísimo Sacramento, froito da Semana Santa, prometémoslle en Lugo fe firme, e a Custodia afastou do escudo de Galicia os dragóns suevos. “...reconociendo el Reyno lo justo de esta pretensión y la obligación precisa que tiene de acudir a ella por hallarse tan beneficiado de la poderosa mano de Dios pues fue servido conceder a este Reyno, lo que no a ningún otro, pues aunque en todos y en todas partes está presente en esencia, presencia y potencia, en dicha ciudad está siempre real y verdaderamente debajo de las especies sacramentales de que tanto bien se sigue a todas las Ciudades del Reyno, al cual sello con su mismo sello haciendo lo más propiamente su esclavo de que tanto se gloria y puede gloriarse, pues tiene tal dueño y tales armas”. Este texto, asinado na Coruña o primeiro de marzo de 1669, constitúe un compendio de teoloxía eucarística. É o recoñecemento, por parte da Xunta de Goberno do Reino de Galicia, da especial relación coa que o Santísimo Sacramento quixo honrar a Lugo8.

8/ S. Castro S. Freire. Lugo y sus hombres. Ensayo de síntesis histórica. Ed. Celta. Lugo 1951. Páx. 38-39.

No Concilio celebrado na Catedral de Lugo no 562, convocado e presidido polo Bispo Nitigisio, condenáronse as doutrinas de Arrio e Prisciliano, que entre outras cousas negaban a presenza real de Xesús Cristo na Eucaristía. Como perpetua lembranza do feito concedéuselle á Catedral o privilexio da Exposición perpetua e a Sé episcopal foi erixida metropolitana8. Aínda non nacera S. Froilán (s. IX) nin se descubrira o sepulcro do Apóstolo en Compostela.

 

Unha paréntese. Moitas veces, ó ser interrogado a propósito da miña procedencia, teño contestado: modestia á parte, eu son de Lugo.

 

Ó pé da Cruz vémo-la medida do valor real do home. No medio da meirande das aflicións producida polos homes a Deus, o home é considerado polo que é, non polo que vale en termos económicos ou de convencionalismo social. Dimas, Malco, o centurión, son un paradoxo só aparente, firme alicerce na realidade. Alí non hai protocolos, nin conxuntos: hai persoas. Alí resoa con forza imperecedoira o “tede ánimo, que eu vencín ó mundo” (Xn 16, 33), eixo da cultura da vida e fundamento de esperanza. Alí foi derrotada a cultura da morte e da manipulación do ser humano, que é sinal de medo e desconfianza.

 

Cómpre edifica-la solidariedade sobre alicerces firmes, non sobre area. A esperanza é o antídoto contra a desvinculación.

 

Seguimos na Cruz, lendo o que nos di no noso tempo. A tarde do luns 9 de setembro do 1946, a Beata Madre Teresa colleu o tren para ir de Calcuta a Darjeeling. Ó día seguinte, estando aínda no tren, oíu por vez primeira a chamada de Xesús nunha locución interior, na que lle pedía unha fundación adicada ós derradeiros entre os homes para “sacia-la súa sede de amor e de almas”. Ante a súa resistencia, entre outras locucións, Xesús díxolle “ti non morriches polas almas. Por iso non te preocupa o que lles poida suceder. O teu corazón non se ten afogado na dor coma o da Miña Nai. Ámbolos dous démolo todo polas almas, ¿e ti?9. O “I thirst” (teño sede) apareceu nos crucifixos de tódalas súas casas. A sede de Deus, como indican os termos ingleses, é case máis propiedade que circunstancia; é sede de almas e de cariño ó home, a todo home. É tamén sede da nosa sede. ¿Como saciala? As bágoas de María foron a única bebida que Xesús non rexeitou na Paixón. A elas cómpre engadir todo o noso: “Ademais, todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa” (Mc 9, 41). E por se quedase dúbida da literalidade da expresión, reafírmase ó falar do Xuízo Universal: “...porque tiven fame...” (Mt 25, 35). Os pequenos actos cotiáns feitos con e por amor son vasos de auga que van calmando o “I thrist”.

9/ 9 B. Kolodiejchuk, M.C. El alma de la Madre Teresa: aspectos ocultos de su vida interior (parte 1 ), publicado o 28 de Novembro do 2002 na http://www.zenit.org/

Dúas anécdotas da Madre Teresa ilustran a súa xenuína visión da solidariedade. Cando unha persoa lle dixo que non sería capaz de face-lo que ela facía nin por todo o ouro do mundo, contestoulle que por todo o ouro do mundo ela tampouco o faría. Sempre insistía en que canto se fai na súa congregación “facémolo por Xesús”10. Noutra ocasión, preguntada pola cantidade axeitada para unha doazón, respondeu “cómpre dar ata que doa”.

 

Dalgún xeito na consagración Caná é elevado á infinita potencia: dunha auga que é pouca cousa (o que nós levamos para ofrecer na Misa) obtense o Viño da Eucaristía, mediando a obediencia a María: “facede o que El vos diga” (Xn 2, 5). Manda servindo: a súa autoridade deriva do meirande acto de entrega que coñeceron os séculos despois do de Xesús Cristo, sempre por amor a Deus e Nel a todos e cada un dos homes. A Xoán encomendoullo en persoa e ata a fin do mundo; non lle encomendou unha humanidade abstracta ou por un pouco tempo.

 

Nosa Señora ó pé da Cruz obtivo a conversión de S. Dimas. Tamén estaría na casa onde chegaron co tolleito na padiola e o baixaron facendo un oco no tellado e nas outras curacións do seu Fillo. Na lingua oficial da Igrexa dise igual saúde que salvación: co termo latino salus. Na actuación de Xesús foron dúas realidades paralelas (alma e corpo) dándolle sempre primacía á salvación.

10/ E. Le Joly. La Madre Teresa. Lo hacemos por Jesús. Ed. Palabra. Madrid 1987. Páx. 207.

Nosa Señora ó pé da Cruz sufriu, e moito, mais sen perder de vista a Resurrección. Coma expresa a OMS na súa axeitada definición de saúde, tamén o sufrimento abarca a enteira realidade do home, alén da saúde física. Darlle senso ó sufrimento é tarefa sempre actual, xa que o sufrimento pertence á natureza, caída, do home. De feito, a Redención, acto divino e de suprema Caridade, evita o sufrimento eterno.

 

A Cruz é fonte de ensino que non se esgotou coa morte de Xesús. Di o Santo Padre: “...equivócase quen cre que a referencia pública á fe menoscaba á xusta autonomía do Estado e das institucións civís, ou que pode incluso fomentar actitudes de intolerancia. Aínda que non faltaron na historia erros, inclusive entre os crentes, coma recoñecín co gallo do Xubileu, isto non é debido ás raíces cristiás, senón á incoherencia dos cristiáns coas súas propias raíces. Quen aprende a dicir «grazas» coma fixo Cristo na cruz, poderá ser un mártir, pero nunca torturará ós outros” 11. O que sabe dicir “grazas” co corazón tende pontes firmes cos outros polo sentido recoñecemento dos seus actos e fai xermola-la solidariedade.

11/ Xoán Paulo II. Carta apostólica MANE NOBISCUM DOMINE. Roma 2004. # 26.

O Sr. Bispo, nun intercambio epistolar mantido co gallo da posibilidade de culto na Catedral ós nosos paisanos hai pouco canonizados, faloume da presenza do Sol (Xesús Sacramentado) e mais da Lúa (Nosa Señora dos Ollos Grandes) na nosa Catedral, que lle poñían a cousa difícil mesmo ó noso benquerido S. Froilán. O Sábado Santo, Nosa Señora encarnou a esperanza por delegación do seu Fillo, na liña do sacerdocio de Cristo. Foi a Lúa con maiúscula, a única claridade nas tebras do mundo.

 

Alén do Sábado Santo do ano 33 da era cristiá, Nosa Señora continúa a ser Raíña da Esperanza. Neste día sae por Lugo Nosa Señora da Piedade. É estrela e faro que alumea no mar de “medos” da fe, derivados do abismo entre a entidade do Ser e o noso pobre ser. Tamén é de xeito especial Nai das ánimas do Purgatorio, onde o lume da esperanza e da caridade purifican tódalas imperfeccións, cara ó gozo definitivo e sen fin.

 

“E se Cristo non está resucitado, a vosa fe é unha ilusión” (1 Cor 15, 17). Unha vez resucitado tivo lugar o Santo Encontro. Despois, co saúdo de “paz convosco” (Xn 20, 21), non falou de vinganzas nin reprimendas. Mais ó longo da Historia non cesaron nin cesan os intentos de afoga-la súa mensaxe. Por poñer un exemplo na nosa terra, “no verán do 997 Almanzor iniciou a meirande das súas campañas, coa única finalidade, ademais da habitual obtención de botín, de cuspir encol dos sentimentos máis profundos dos cristiáns non só da Península senón do orbe enteiro. A súa meta era o meirande centro de peregrinación de Europa enteira, máis aínda ca Roma: o santuario de Santiago de Compostela... As campás do templo foron levadas a ombros de escravos cristiáns ata Córdoba, e as portas de Compostela proporcionarían a madeira para arma-los tellados da nova ampliación da Mezquita... ante actos tales algúns cristiáns creron que as desapiadadas accións de Almanzor constituían as tribulacións previas á chegada do Reino de Cristo no ano 1000”12. Malia o medo dos nosos devanceiros, as campás volveron a Compostela e o sartego do Apóstolo segue a se-la meta de incontables peregrinacións mil anos despois. Cúmprese sempre a promesa de Xesús: as portas do inferno non praevalerunt, non prevalecerán contra a Igrexa.

12/ C. Vidal. España frente al Islam, 2ª ed. Ed. La Esfera de los Libros. Madrid 2004. Páx. 143,144.

Para garanti-la nosa paz e a de tódolos homes, deixou outro froito da Cruz: a Confesión sacramental. “... é Cristo quen absolve e fai desaparece-lo pecado... Un pecado que xa non poderá ser aireado á vista dos homes no Xuízo Universal porque non chegará ata alí; desapareceu coa absolución, esfumouse: non existe tal pecado, tal secreto, tal débeda, porque foron xa sometidos a xuízo, publicados ante o sacerdote na confesión e saldados”13. Un exemplo recente da grandeza do que estamos a considerar: O doutor Bernard Nathanson levaba ás costas unha pesada carga de máis de 60.000 abortos, cando atopou na Igrexa Católica a marabilla dun Deus que perdoa. “¿Que pode levar a un poderoso e recoñecido médico abortista a converterse nun forte defensor da vida e abrangue-lo ensino de Xesús Cristo?... por vez primeira en toda a miña vida de adulto encomecei a considerar con seriedade a noción de Deus, un Deus que permitira que andara por tódolos circuítos do inferno, para ensinarme o vieiro da redención e maila misericordia a través da súa graza"14.

13/ F. Suárez. Después de esta vida, 5ª ed. Ed. Rialp. Madrid 1997. Páx. 74..
14/ http://www.aciprensa.com/aborto/nathanson.htm.

Tamén Nosa Señora está na Confesión. A Ela “... non se lle deu o poder de xulgar nin de castigar: só o de interceder, o de avogar” 15. Din moitos autores espirituais, que, así coma Pedro o acadou, o mesmo Xudas -se o desexara- tería acadado o perdón ós seus pes.

15/ F. Suárez. Después de esta vida, 5ª ed. Ed. Rialp. Madrid 1997. Páx. 218.

Raíña da Esperanza: na nosa fermosa lingua, na que a palabra querer ten o dobre senso de amor e de vontade, unidos coma corpo e alma, pedímosche a graza de quere-los dons que Xesús nos deixou na primeira Semana Santa. Ti amósasnos cada día, a nós e ó mundo, que o cariño non ten idade e non é un feito anacrónico. Ti, que malia o teu sufrimento non fuches ó Sepulcro pola fe na Resurrección, axúdanos a ver, alén do serán de Venres Santo que ás veces nos envolve, a alborada do Domingo eterno no que volverá o teu Fillo.

 

Non quero remata-las miñas palabras sen da-las grazas a persoas que tiveron un lugar moi especial nas miñas Semanas Santas luguesas. En primeiro lugar ós meus pais, a quen lles debo, entre outras incontables cousas, o tesouro da fe. Ás irmás Lourido, Rosita e Ofelia, que foron, como xa dixen, os mandos do único exército que coñecín. Se toda persoa que manda soubera harmonizar tan ben cariño, disciplina e mais servizo, o mundo sería moito mellor. Ás irmás López Rodríguez, que con benquerenza concedéronme tantos Luns Santos o privilexio de contempla-la entrada de Nosa Señora da Esperanza na Nova. Hei de confesarvos que poucos momentos me teñen conmovido tanto coma a sentida homenaxe da Mariña ferrolá a súa patroa. Cantas veces teño oído fora de Lugo a Salve mariñeira, o maxín tenme levado sen querelo ó Campo Castelo.

 

Grazas de corazón.

Theme provided by Danetsoft under GPL license from Danang Probo Sayekti